MOMIFICACIONES

squared heads in crescendo

ROCK CLUB

leave a comment »

Michael Kastelic no Rock Club

Forman parte do carácter ourensán as teimas de que aquí nunca pasa nada e que non hai moito que facer; eu creo que isto é só unha verdade a medias. Temos, os que nos gusta o rock, un templo ao que peregrinar. É un soto na rúa Dr. Fleming ao que se chega por unhas pinas escaleiras que, para o paseante ocasional ou para os non iniciados, pode pasar bastante inadvertido; pero de verdade dubido que alguén en Ourense non saiba onde está o Rock Club.

Cando abríu a finais dos sesenta, fíxoo co nome de Mr. Flinn (ou Mr. Flynn, non o teño claro). Foi a primeira discoteca da cidade, hábitat de perreras e patillas, colos de camisa en forma de ala delta e pantalóns de pata de elefante; os máis vellos do lugar recordarán ao Majarón tripulando a cabina. Despois chamouse Long Play durante algún tempo, sendo lugar de encontro para os noctívagos daquela xeración. Los Suaves, a banda de rock por antonomasia da cidade, con Yosi á cabeza, fixéronlle unha canción-rio: a esproncediana e torrencial Noches del Long Play, que tenta lembrar aquelas noites dos setenta escaleiras abaixo. Despois duns anos incertos o santuario bautízase co actual e explícito nome, quedando consagrado desde o ano 1997. Os que aquí se acheguen por primeira vez, para un concerto ou de festa (ben entrada a noite), atoparanse con paredes pintadas de negro e iconografía rock, moi boa música e boa xente diante e detrás da barra. Eso sí, xa non verán a pitón; xa está xubilada como moitos dos residentes na cidade. Alí abaixo oficia Labra como Sumo Pontífice, un tipo entusiasta e tenaz, obstinado en seguir facendo o que lle gusta e que, na miña opinión, case merecería unha estatua cunha placa nunha praza.

Estes días de Xuño son datas especiais: a pesar dos atrancos e remando contra corrente, Labra organiza o Desparrame Fuzz 2011, “sen axudas ou subvencións institucionais” como el mesmo sinala, frase que creo necesario subliñar dabondo nos tempos que corren. Serán dúas noites de festa, suor e rock, nas que a cerimonia central será a presenza de The Cynics. A banda de Pittsburgh volta a casa logo de gravar para seu derradeiro disco (Spinning Wheel Motel) unha canción chamada Rock Club, adicada ao noso sacrosanto soto. Merecidísima e inesquecíbel homenaxe; moitísimo mellor que esa tontería da estatua, pois nesta cidade tan afeita a esquecer, ás estatuas agardalles un futuro de absoluto anonimato e cagadas de pombas.

Vinde á festa, estades a tempo. Saúde e Fuzz!

Yeah! é un clasicazo de The Cynics que seguro Kastelic, Kostelich & cía non se esquecen de tocar o día 15.

A gran foto da anterior visita de The Cynics ao Rock Club atopeina rebuscando en internet; penso que foi tirada por Eva Domínguez.

Advertisements

Written by Javier

Xuño 14, 2011 ás 2:04 pm

Publicado en música

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: