MOMIFICACIONES

squared heads in crescendo

Posts Tagged ‘Jerry Lee Lewis

JERRY LEE LEWIS

leave a comment »

Jerry Lee Lewis no seu rancho en Mississippi.

Jerry Lee Lewis no seu rancho de Mississippi en 1989

 

A vosa cazadora non é de pelexa de serpenta, mods.

Sodes de pastaflora, de mamá alcoólica con cancro e luvas

pálidas.

Viñéchedes das camadas medias e opulentas de Galicia

a predicar o sarcasmo: Heriberto ódiavos.

Comigo vai o calzón de coiro de Gene Vincent.

Tommie Steel ladrando bosta dos arrabaldos de tixolo

do Norte (de Inglaterra, nada de Donosti)

e aquilo que me gobernara a nacencia do intelecto:

esta parte do poema é só prós entendidos en rock and roll.

Porque era o meu corazón existencialista que o non sabía.

Maruxa de Coia preguntoume en Jardin Park por qué

eu fumaba por paipa coma os vellos.

Os corpos suaban na aperta infinda de Grímpola, Metropol.

Germade puxera no guateque Hunter Dog.

¿Onde estabas, Jerry L. Lewis,

que os meus puños de mozo te non imitaban destruindo

o piano da casa,

ornado de candeas verdes, de candeas glaucas?

Ladro, sagaz, astro de carnaval, radical de silvas das amoras,

sombra arrastras, engullo en corazón, valeiro estenso,

Jerry que estás no mundo e te persistes en concertos

e non chegaches un día a Compostela por estares violento,

ao tempo e no mesmo día

en que nós celebrabamos a destrucción da Patria.

Sabes que na raíz do edificio pianoforte

está a negación do pianoforte e a harmonía do Universo,

e avisas, haraute, imbécil, bebes, tolo, teño saudade.

Estou contra vós outros, sucedáneos galleta María,

música cascarilla, ou rock and roll de granxa.

E ténde-lo agarimo das avoas crochet,

porque sodes irónicos

e na vosa alma pura latexa Para Elisa.

Carecedes de celme, sodes aqueloutrados, e simpáticos chicos

que non cadran coas Cíes.

 

Jerry Lee Lewis é un poema de Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938) recollido en Estirpe (Xerais, 1994). Tamén aparece en Poesía fundamental, 1976-2005, unha edición bilingüe do 2011 de Calambur.

A foto é de Karen Pulfer Focht.

Advertisements

Written by Javier

Decembro 11, 2013 at 4:46 pm

Publicado en poesía

Tagged with ,

%d bloggers like this: